"Negociando" a despedida

A finais de maio mantivemos o derradeiro (agardemos que sexa só deste curso) café literario do grupo de lectura de adultos do club Xerfas. Mais, como a despedida tiña un algo de amargo porque remataban as nosas actividades por este ano, decidimos acompañar o café cuns ricos bombóns.

 

Nesta xuntanza o libro que nos tocaba comentar foi O negociador, de Miguel Sande, unha recomendación que nos fixo o noso compañeiro Pepe de Lingua Galega. Para dicir a verdade, nesta ocasión o libro non nos acabou de chistar moito a ningún dos membros do grupo. Teoricamente trataba sobre as negociacións levadas a cabo en Alxer nos anos 90 entre representantes do Estado e da banda ETA para liberar o preso que os terroristas tiveron máis tempo privado de liberdade. Mais, cando rematamos de ler o libro, decatámonos que este asunto só se trataba nun dos varios capítulos que ten o libro, mentres que nos demais se falaba de cuestións, personaxes e lugares que pouco ou nada tiñan que ver con ese suposto argumento central (ou, cando menos, ningún de nós conseguiu descubrir nin entender o fío que levaba duns a outros). E isto non nos gustou demasiado, así que non puidemos despedirnos co mellor dos sabores de boca no que ás lecturas se refire, pero si volvemos pasar un bo rato xuntos, algo que foi a tónica de todo o curso.

o negociador-miguel sande-9788411101110 

Este foi o primeiro ano que no centro contamos cun grupo de lectura de adultos e, a pesar de que non estivo formado por un número moi abundante de persoas, ós profesores que participamos nel (e coidamos que ós demais membros tamén) pareceunos unha actividade entretida e atractiva, así que agardamos poder seguir contando con ela en vindeiras convocatorias e animamos a outras persoas a que se unan. Por último, dámoslles ás grazas a Asmaa, Celia e Tatyana polo seu compromiso co grupo, pola súa voracidade lectora, pola súa amable conversa e por permitirnos poder coñecelas un pouco máis de preto grazas ós encontros que mantivemos. Moitas grazas e bo verán.

Comentarios