Resumo das actividades polo Día das Letras Galegas
Este ano o Equipo de Dinamización da Lingua e o equipo de Biblioteca Aloia preparamos unha chea de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, actividades que se estenderon durante máis dunha semana, polo que esta foi a gran semana das Nosas Letras. Deixámosvos a continuación un resumo e unhas imaxes de todo o que houbo no centro:
- Exposición de camisetas creadas no instituto en cursos anteriores con lemas sobre o uso do galego e o Día das Letras Galegas.
- Exposición dos carteis sobre a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego enviados pola Consellería, e de diferentes libros publicados polo autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, para o cal contamos coa cesión dun bo número de exemplares do autor por parte do profesor de galego do noso centro Pepe López.
- Concurso de creación de lemas relacionados co Día das Letras Galegas. O lema gañador foi "Sonche toxo e orgulloso", obra da alumna Lucía Gándara, de 1º de bacharelato. Agora o lema imprimirase nuns lapis, que se usarán como agasallo o vindeiro curso. Ademais, o xurado quixo destacar tamén o lema de Sari Graña, alumna de 4º curso de adultos, o cal tedes aquí a continuación.
- Concurso por grupos "Que sabes das Letras?", consistente en responder a un cuestionario en liña sobre o Día das Letras Galegas e a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego. A clase gañadora foi a de 4º de adultos, que acertou 25 das 27 preguntas do concurso. Parabéns a todos eles e agora a gozar da merenda que lles corresponde como premio.
- Proxección na biblioteca durante os recreos da semana das Letras Galegas da serie web documental Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, a cal foi emitida pola Real Academia Galega e trata sobre a vida e a obra do autor.
- Obradoiro de baile tradicional galego para alumnado do primeiro ciclo da ESO.
- Relatorio sobre o uso do galego nas redes sociais para alumnado de 3º de ESO e dos ciclos medio e superior de Comercio a cargo de Borja, da asociación Orgullo galego.
Comentarios