Semana (que non Día) das Bibliotecas

Como na biblioteca Aloia nos gusta facer, unha vez máis estamos a conmemorar a Semana das Bibliotecas. Aínda que hai un Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, a nós tradicionalmente gústanos falar da Semana das Bibliotecas, porque organizamos unha serie de actividades relacionadoas cos libros e as lecturas que se estenden ó longo de toda unha semana e que van máis alá do propio 24 de outubro. Presentámosvos a continuación as que argallamos para este curso:

  • Concurso de decoración de cabazas con motivos relacionados co Samaín en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua. O prazo de entrega das cucurbitáceas rematou hoxe e agora todo o alumnado ten a oportunidade de escoller a súa cabaza preferida durante os días 26, 27 e 28. Animamos a todo o estudantado a votar pola súa cabaza terrorífica preferida!!! VOTADE!!!
  • Concurso de elaboración de podcasts de misterio e terror en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua. O prazo está aberto ata o 27 de outubro, así que BULE, prepara o teu podcast e entrégao na biblioteca.
  • Exposición creada polo alumnado de Cultura clásica de 3º de ESO sobre grandes bibliotecas da antigüidade e da actualidade, e tamén sobre algunhas bibliotecas e librerías curiosas de hoxe en día. Pasa pola biblioteca para botarlle unha ollada. Poderás descubrir que é unha arma de instrución masiva, por que unha librería de Venecia está chea de góndolas e bañeiras, que animal percorre Colombia cargado de libros etc.
  • Entrega de diplomas ós voluntarios que o curso pasado actuaron como colaboradores na biblioteca. Ven coñecelos e agradecerlles o seu traballo. O venres 28 de outubro no primeiro recreo na biblioteca.
  • Entrega dun diploma ó mellor lector do instituto do curso pasado. Queres saber quen foi? Serías ti? Ven descubrilo  o venres 28 de outubro no primeiro recreo na biblioteca.
  • Concurso de lemas de animación á lectura en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua. Consulta as bases e presenta o teu lema. O prazo seguirá aberto ata o 8 de novembro.

Animádevos todos a pasar pola biblioteca esta semana e a participar nestas actividades.

Comentarios