Libros censurados

A semana pasada nos Estados Unidos celebrouse a Semana do Libro Prohibido e dende a biblioteca Aloia queremos contribuír a esta conmemoración e facer a nosa pequena achega. Decidimos levar a cabo unha selección de grandes clásicos da literatura universal, da galega e da española que foron censurados dalgún xeito en España ou noutros países do mundo, e realizar unha exposición con eles. Trátase de verdadeiras xoias cuxa publicación se prohibiu na súa totalidade nalgún momento, ou que foron "recortadas" ou "modificadas" en parte por incluír "contido inconveniente". E quen decidía se o contido dun libro era "inconveniente"? Pois basicamente ó longo da historia ese papel foi exercido pola Igrexa e polos gobernos dos distintos países do mundo (en España, basicamente a Inquisición e o réxime ditatorial de Franco), que nunca levaron moi ben aquilo de que nun libro aparecesen ideas "revolucionarias" ou "excesivamente innovadoras", ou que criticasen esas institucións, as súas actuacións e os seus representantes, ou que contasen cunha linguaxe "subida de ton" ou "inadecuada" ó seu entender, ou, en fin, que non lles gustasen polo que fose. Ata foron represaliadas obras que nunca imaxinarías, como O Principiño, Harry Potter, O señor dos aneis...

Así pois, dende a biblioteca Aloia decidimos apoiar esta conmemoración co fin de reivindicar a liberdade de pensamento e expresión, de defender a dispoñibilidade universal das manifestacións artísticas e de mostrarlles o noso recoñecemento ás obras e autores "perseguidos". Ven visitar a exposición que preparamos, le algún dos libros censurados e dános a túa opinión. Eran realmente tan "perigosos" eses libros? Aquí tes algúns deles.




 

 

Comentarios