Ruta literaria por Tui

 

A última semana do curso os mais novos do club Xerfas, xunto con Sara do grupo de manga e Celia do de adultos, acompañados por unha guía local, realizamos unha visita á igrexa de San Bartolomé (coa súa necrópole) e ó núcleo histórico e a catedral de Tui. O obxectivo desta visita era ir tras das pegadas dos lugares citados por Roque Cameselle na súa obra Bieito dubidoso, o último libro que lemos este curso, unha narración fantástica que ten como pano de fondo o Tui medieval do século XII. Tamén viñeron connosco algunhas das alumnas de Cultura clásica de 3º de ESO.

En primeiro lugar dirixímonos á Igrexa de San Bartolomé, que exerceu as funcións de catedral da diocese tudense mentres se levantaba a sede actual. O párroco da igrexa comentounos os aspectos máis relevantes da súa construción e mesmo oficiou como guía da visita á curiosísima necrópole que existe baixo o chan da actual igrexa.

A continuación, dirixímonos ó centro da cidade para comezar a visita ó centro histórico da man da nosa guía, Sara. Xunto con ela percorremos o barrio xudeu e puidemos visitar algúns restos actualmente conservados e citados na obra, como a antiga sinagoga, a casa de Salomón e o barrio dos carniceiros, e tamén coñecer a importancia que na época da obra tiñan os xudeus nesta cidade e a boa convivencia (relativa) que levaban cos cristiáns. Tamén visitamos o lugar onde o bispo do libro, Xoán, gran inimigo de Bieito e a súa familia, tiña o seu pazo daquela (hoxe o convento das Clarisas). Estivemos en rúas medievais citadas na obra, como a Canicouva (actual Bispo Castañón) e a Oliveira (actual das Monxas), e ata vimos ó lonxe a Contrasta, nome medieval de Valença, a nosa cidade irmá.

Por último, e para rematar a visita, entramos na catedral máis imperfecta de toda España e do mundo probablemente, a de Tui, e coñecemos os motivos polo que os seus arcos e ventás non están centrados, as súas paredes están torcidas e os seus piares precisaron vigas de reforzo. Tamén visitamos o seu fermoso claustro e despois de máis de dúas horas de visita volvemos ó instituto.


 

Comentarios