Despedida, booktubers e bieito dubidoso

Para ir pechando as actividades do club Xerfas, o luns 12 de xuño organizamos unha comida colectiva de confraternización na cafetería do centro, na cal partiparon o grupo dos "pequenos" e o de manga, xunto con todos os profesores que dinamizamos este curso as actividades do club; e tamén convidamos os voluntarios de biblioteca que non están nos grupos de lectura, como agasallo e agradecemento pola súa colaboración. Gozamos todos xuntos dun bo intre e compartimos unhas deliciosas pizzas.








 

E despois do pracer, tocounos "pagar a comida", xa que foi o día da nosa última xuntanza ordinaria de traballo. Por unha banda, os membros do grupo de manga gravaron uns booktubers sobre os mangas que leron este ano (Tokyo Ghoul, Guardianes de la noche ou Kimetsu no Yaiba, e Blue exorcist) e outras recomendacións que eles quixeron facer, como Los juicios escolares e Tokyo revengers. Aquí vos deixamos as ligazóns ós vídeos que gravaron e os nosos parabéns polo seu traballo👏👏👏:

Vídeo de Yago


Vídeo de Antonela


Vídeo de Sara

 

Por outra banda, os membros do grupo dos "pequenos" estiveron comentando o libro Bieito dubidoso, de Roque Cameselle, un mozo con habilidades máxicas que viviu no Tui do século XII. O libro resultounos interesante pola súa trama, que mestura acontecementos e personaxes históricos reais, aínda que algúns deles un pouco extemporáneos, con feitos fantásticos. Non obstante, deunos a sensación de que o libro contaba con demasiadas descricións, que se detiña demasiado tempo na presentación de lugares, paisaxes ou situacións que en nada tiñan relevancia para o avance da trama e que impedían un avance máis rápido desta.

A continuación do comentario, estivemos organizando a ruta literaria que realizaremos por Tui seguindo as pegadas do libro e da que falaremos noutra publicación.



Comentarios