Misterio resolto

Hai uns días comentamos que os membros do club de lectura Xerfas andaban metidos nalgo misterioso e propuxémosvos descubrilo. Pois ben, xa temos a solución, xa sabemos a que se dedicaban. Os membros máis novos do club (1º, 2º e 3º de ESO), tanto os do grupo dos "pequenos" como os do grupo de manga, estaban a preparar unha actividade de acompañamento lector para realizar cos nenos de 2º de Primaria do CEIP Nº. 2 de Tui. A actividade levouse a cabo o pasado xoves 9 de marzo e tiña como obxectivo conmemorar o Día Internacional da Muller e poñer en valor a importancia das mulleres na nosa vida. Divididos en tres grupos, o noso alumnado realizou unha primeira lectura corrida de O libro dos porcos de Anthony Browne, para despois proceder a unha segunda lectura más detida co fin de comentar os textos, a linguaxe, as imaxes e diversos aspectos do libro. Tamén lles preparamos unhas fichas para encher en relación coas tarefas do fogar e as persoas que as realizan en cada familia.

Ademais, levamos preparada a lectura do libro O país dos mandóns de Paloma Rodríguez e Cristina Justo.

O certo é que a experiencia resultou moi gratificante e que os nenos do CEIP quedaron moi felices con ela e ata nos pediron que volvésemos outro día. Os nosos lectores sentíronse moi contentos por poder actuar nesta ocasión como profesores que guiaban no coñecemento. Unha moi boa experiencia para todo o grupo e seguro que a repetimos no futuro.



Comentarios