As malas mulleres

Hoxe tivemos unha nova xuntanza do grupo de adultos do noso club Xerfas. Nesta ocasión no noso habitual café literario comentamos a lectura do libro As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. A opinión xeral sobre o libro foi coincidente: trátase dunha lectura un tanto complicada polo xeito en que está escrito e polo vocabulario que emprega a autora, pero moi atractivo e interesante polo seu contido. Puidemos coñecer e debater sobre o traballo en prol da liberdade, das mulleres e dos máis desfavorecidos de dúas mulleres senlleiras e adiantadas ó seu tempo, Juana de Vega e Concepción Arenal, pero tamén sobre as inxustizas, padecementos e desigualdades vividos por Sisca, Fefa e outras moitas mulleres anónimas do s. XIX. O certo é que foi un libro moi acaído para comentar nestas datas en que estamos a conmemorar o Día Internacional da Muller, xa que trata temas que hoxe en día, uns cento cincuenta anos despois do tempo en que se sitúan os feitos relatados, seguen a estar de actualidade e a ser obxecto de discusión.

Na nosa reunión de hoxe tivemos tamén a visita inesperada e por sorpresa de Alberto, un dos profesores de Lingua Galega do centro, que pasou pola biblioteca para buscar uns libros e se uniu a nós e nos axudou a desembeleñar diferentes cuestións do argumento.

 
Mais, a de Alberto non foi a única sorpresa de hoxe. Con motivo do 8M a Concellalía de Igualdade, en colaboración con Helena, antiga profesora do IES San Paio, organizou un encontro con Marilar Aleixandre para que no teatro de Tui falase sobre As malas mulleres. A Concellalía convidou o noso centro a acudir a esta actividade e entre outros asistentes estivemos os do club de adultos, polo que para nós foi unha xornada redonda. Ademais, conseguimos que a autora nos asinase un dos exemplares, que quedará para sempre na nosa biblioteca. Moitas grazas polo detalle, Marilar, e á Concellalía de Igualdade e Helena por convidarnos a participar neste evento.

Comentarios