"De cristal"

Hoxe tivemos unha nova reunión do club de lectura Xerfas, esta vez co grupo dos "pequenos", que só o son de nome, xa que, canto ó apetito polos libros, Sabela e Rodrigo son dous auténticos depredadores. Quedaramos en ler dous relatos do libro De cristal, de Silvestre Gómez Xurxo, unha lectura difícil e dura polos temas que toca, que presenta seres humanos, nenos entre eles, en condicións persoais e familiares bastante duras, en situacións de vulnerabilidade e fraxilidade. Pero a pesar de todo, os nosos "grandes" lectores metéronlle o dente ó libro enteiro e déronlle unha nota media de 8 puntos. Na xuntanza desta tarde intercambiamos impresións sobre o libro.

Ademais, como o pasado 10 de decembro se conmemorou o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aproveitamos a xuntanza de hoxe para falar sobre a orixe, a importancia e o contido deste documento. Tamén lemos conxuntamente unha serie de versións moi sumarias de artigos de prensa sobre vulneracións dos dereitos humanos e puxemos a proba os nosos lectores, xa que debían adiviñar que artigo en concreto da Declaración se infrinxía en cada artigo e asociar cada artigo cunha imaxe.

Por último, fixemos unha moi breve presentación do libro que leremos para a próxima reunión, que será A trenza, de Laetitia Colombani.

Sen dúbida, foi unha xornada de traballo intensa e interesante, cuns comentarios moi ben fiados por parte dos nosos devoradores de libros. Parabéns polas vosas reflexións👏👏👏!!!

 

 




Comentarios