Doces "de medo"

Como a semana pasada non nos puidemos reunir para celebrar o Samaín porque o luns foi non lectivo, este 7 de novembro aproveitamos a primeira xuntanza "de traballo" do club de lectura Xerfas para festexar o Día dos Mortos. Reunimos o grupo dos "pequenos" cos alumnos da ESO do grupo de manga e todos, alumnos e profesores, trouxemos un doce típico de outono e procedemos á súa degustación.





Quedou ben claro que temos boas dotes para as artes, cando menos para a arte culinaria, que é un xeito como moitos outros de seren artistas. Como podedes ver, todos estabamos ben contentos e non foi para menos, porque o certo é que todas as sobremesas estaban de medo de boas, como non podía ser doutro xeito celebrando o que celebrabamos😂😂😂.

Mais non todo foron larpeiradas, xa que, despois de papar, tivemos que suar e baixar a inxestión de azucre, e houbo que poñerse a traballar. Nesta sesión o que lles pedimos ós alumnos foi que practicasen un tipo de escritura distinta da habitual, pois debían escribir unha crítica e redactar as receitas das sobremesas que elaboraran e, ademais, volver manifestar as súas habilidades nas artes plásticas, neste caso, no debuxo e a pintura, xa que as receitas debían ir acompañadas de ilustracións á man. E tamén aquí obtivemos un bos produtos, dos que vos deixamos unha mostra (as galletas Royale de Antonela, as galletas de nata de Sabela e o biscoito "pillado" de Rodrigo).


 



 
 
E para rematar a xornada lemos un par de contos de terror (un de Edgar Allan Poe e outro de Rafael Dieste) e fixemos unha presentación do libro que leremos para debater e traballar na próxima xuntanza, que será no mes de decembro. A verdade é que para ser a primeira xuntanza de traballo foi unha sesión bastante intensa.

Comentarios