Basta xa de violencia de xénero!!!

Para lembrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e concienciar sobre a enorme mancha que para a nosa sociedade representa a violencia cara ás mulleres, dende o equipo de biblioteca organizamos o pasado venres unha serie de actividades. Na biblioteca, durante os dous recreos deste 25 de novembro reproducimos unha serie de vídeos e curtas sobre e contra a violencia de xénero.

No vestíbulo do centro elaboramos un mural tinguido de violeta coas cifras de mulleres mortas a consecuencia da violencia de xénero nos últimos anos.

Ademais, tamén expuxemos uns carteis realizados polos alumnos de 2º de bacharelato acerca de diferentes tipos de violencia que se poden exercer sobre as mulleres e que deben desaparecer: violencia sexual, vicaria, simbólica, económica, obstétrica, no traballo... E algúns fragmentos e portadas de libros dos fondos da nosa biblioteca sobre o tema.


Tamén lle demos cabida no noso mural a unha muller referente da cultura e o feminismo galegos no s. XIX-XX, Filomena Dato Muruais, que participou no movemento do Rexurdimento, e na súa obra literaria reivindicou a figura da muller e denunciou os estereotipos de xénero.

E para rematar esta publicación, compartimos con todos vós tamén o traballo que realizaron da man do Equipo de Dinamización da Lingua e as profesoras de Xeografía e Historia os alumnos de 4º da ESO sobre mulleres destacadas de Tui, traballo destinado a achegar contribucións ó proxecto do Concello de buscar referentes femininos que incorporar ó rueiro municipal.

Comentarios