CHOVE


Remexendo

MARÍA CANOSA Mini-relatos (1999)

Non podo saír e agocho a cabeza tralos cristais da fiestra. Hoxe non hai xente na rúa, porque chove. Xélido o vento, asubiando desafiante ó outro lado do vidro, mentres as pingas percorren a súa viaxe deixándose esvarar ata o peitoril.

¿Que se move? Nada. Ninguén.

 
Non hai alento na vila; os sons son imperceptibles.

Chegou o inverno.

As luces, amarelas. As portas, pechadas.

 
Silencio, quietude; o cristal que dá á rúa acugúlase de bafo.

O inverno prosegue na súa chegada, enchéndoo todo de humidade. Avanza no frío, no sosego, no estrondo, no rebumbio, na tranquilidade... na soidade; nas longas noites. Non podo saír e convértome en espectadora desta maxia escura e tristeira.


O ceo, laranxa. As nubes, tebrosas.



A mente... remexendo na memoria.


 

Comentarios