O MAIO DE CURROS E BATALLÁN


A pasada semana o alumnado de 3º ESO visitou Celanova e alí estivo na casa de Curros. Leron fermosos poemas, entre eles este que musicou Luís Emilio Batallán.




Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez, Manuel, Aires da miña terra

Comentarios