ENTROIDO

O Entroido celébrase en toda Europa dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman que os comezos desta festa se poden atopar na adoración a Baco ou Dionisos .
Coa chegada do cristianismo, moitas das festas pagás antigas foron tomadas e cristianizadas. Deste xeito, esta celebración que tiña posiblemente o seu significado na despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma que comeza no día mércores de Cinza (é dicir "corenta días antes do domingo de Ramos).

As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; o termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma") do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido".

O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse de todo, é dicir, as cousas que non se fan habitualmente.

En sentido relixioso trátase do triunfo de "don Carnal" sobre "dona Coresma", que reinará nos seguintes corenta días. Pero o Entroido foi deixando pouco a pouco o seu sentido relixioso como festa preparatoria da Coresma para converterse nun acontecemento cheo de desenfreo.

En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.

Entreo os chamados " ritos de grupo" (a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar:
  • Os Cigarróns que son personaxes enmascarados e adornados (coma en Verín).
  • As Pantallas que amolan ós viandantes con dúas vexigas cheas de aire (moi común no Entroido de Xinzo da Limia).
  • Os distintos Peliqueiros (coma en Laza), personaxes que se distinguen pola súa animalización: non falan, levan chocas coma os animais, zorregan á xente e levántanlle a saia ás mulleres,.animais como pode ser unha vaca, o burro ou o galo, xa sexa reais ou simulados simbolizan o Entroido en si e interveñen na festa, ben para ser burlados e escarmentados, ben para actuar activamente facendo falcatruadas.
  • Os Correos, que van pola veciñanza ofrecendo que os Xenerais "canten" a cada unha das casas a cambio dunha doazón.
  • Os Xenerais, vistosamente disfrazados con sombreiros, medallas e fitas que lembran de xeito choqueiro os uniformes do século XIX.

FONTE: JUJEL


Comentarios